top of page

Manolo Míguez. Entre pel, cola e paciencia

Durante moitos anos, a figura do zapateiro formou parte da vida diaria en Galicia. Dentro dese mundo artesanal atópase Manolo Míguez, zapateiro en Santiago de Compostela, que leva toda a vida dedicado a reparar calzado e mantendo un oficio que xa poucos exercen en exclusiva.

A súa relación co oficio comezou na familia. O seu pai Joaquín, tamén zapateiro, aprendera de rapaz nun taller tradicional, guiado por un mestre que traballaba todo a man. Aquel home fixo do oficio o seu camiño de vida: traballou anos en Francia, perfeccionou a técnica, ampliou o coñecemento e, cando regresou, montou a súa propia zapatería en Santiago. Nese mesmo lugar —entre peles, máquinas e ferramentas gastadas polo uso— medrou Manolo.

De feito, Manolo ten no taller a máquina que empregaba seu pai na foto.

Orixes da familiaManolo Míguez
00:00 / 00:24

“Eu xa estaba na cuna cun martelo na man”, lembra entre risas. Aprendeu sen horarios, como se aprendía antes:  sen cursos nin escola, só práctica, observación e moita paciencia. Nunca pensou demasiado no futuro, simplemente seguiu o camiño natural: o do pai, o do oficio. Só durante o servizo militar dubidou entre a vida no cuartel e a zapatería, pero finalmente decidiu quedar: porque lle gustaba, porque era o seu e porque traballar xunto ao pai era máis que un emprego, era compañía.

O seu pai dedicábase tanto a fabricar como a reparar zapatos, pero Manolo centrouse só na reparación. A fabricación artesanal require moito tempo e non é compatible co ritmo actual da clientela. Ademais, explica que hoxe en día case ninguén encarga calzado feito á medida, e que a reparación xa ocupa plenamente a súa xornada.

O oficio cambiou co tempo. Antes o calzado era máis resistente, principalmente de pel e goma. Hoxe empregan materiais sintéticos e plásticos que complican as reparacións e reducen a vida útil do zapato. Tamén cambiaron as técnicas: onde antes se cravaba máis, agora case todo vai pegado. A pesar disto, o proceso básico mantense: preparar a peza, lijar, pegar, clavar, coser… sempre con precisión, habilidade e tempo.

A súa xornada non ten un patrón exacto: pode arranxar catro pares ou trinta, segundo a dificultade de cada zapato. As reparacións máis habituais son tapas, solas e pegados, pero ás veces aparecen encargos especiais: cintos, pezas militares ou traballos puntuais que poden esperar meses ata atopar o seu oco entre o fluxo constante de calzado.

A demanda mantense estable ao longo do ano. Non hai unha tempada forte nin tempos mortos. As botas no verán e as sandalias no inverno son unha das curiosidades deste oficio: “A xente arranxa o que quere gardar”, explica, consciente de que os seus prazos —entre 7 e 15 días— fan que os clientes planifiquen con tempo.

Hoxe, en Santiago quedan poucos coma el. A maioría das zapaterías xa non viven só do calzado: ofrecen duplicado de chaves, mandos ou servizos complementarios que atraen clientela. El decidiu non facelo: non por desinterese, senón pola simple imposibilidade de atender máis. 

Para alguén que busque comezar neste oficio, non pinta un camiño fácil: fai falta unha forte inversión en maquinaria, tempo para aprender e moita paciencia antes de ter clientela suficiente. Ademais, lembra que non existen escolas en Galicia para aprender zapatería tradicional: todo depende de atopar a alguén disposto a ensinar.

00:00 / 01:17

Fotos do taller de Manolo

A pesar dos cambios, das dificultades e da falta de relevo xeracional, Manolo continúa traballando porque lle gusta. Gústalle o seu oficio e gústalle o trato coa xente. E, sobre todo, destaca que á clave de este oficio é a paciencia.

Mentres o seu taller continúe activo, a zapatería tradicional seguirá tendo un lugar en Santiago. Co seu traballo, Manolo Míguez axuda a conservar un oficio que forma parte da memoria artesanal de Galicia.

Maquinaria de Manolo

bottom of page