AS MANS QUE SUSTENTAN O MAR
Nas costas de Galicia desenvólvese unha actividade coñecida mundialmente e retratada por grandes fotógrafas como Ruth Matilda Anderson: a labor das mariscadoras. Estas mulleres, xunto a súa valía e as súas grandes capacidades desafían o mal tempo e as mareas para recolectar así os alimentos máis importantes que o mar garda. A súa labor non só proporciona un sustento económico, senon que tamén representa un vínculo profundo coa tradición e o entorno marino galego. É por isto que realizamos as seguintes fotografías que reflicten o seu magnífico traballo, comparando os oficios que realizaba Pepa Rodil nos anos 50 e Encarna e Gloria actualmente, ¿Cómo cambiou esta profesión?
Como e cando comezaches a traballar de mariscadora?
Pepa Rodil: Era o que había antes, antes era libre ir á seca, podía ir quen quixera. Eu andiven mais na fábrica que na seca. Comecei con oito anos a traballar na fábrica e con catorce na seca. Logo, con trinta e catro tiven que emigrar a Alemaña. Cando volvín, con 44 anos, todo estaba moito mais regulado, tal e como está agora, e tiven que sacar o carnet de mariscadora ata que deixei de traballar para coidar os fillos.
Encarna: Eu de rebote. Eu estaba no paro e fixen os cursos por facer. Coa puntuación que tiña, colléronme nas listas e fun probar. Convenceume e levo 5 anos.
Gloria: Eu tamén estaba no paro e o meu home traballaba no mar. Vendo que había unha convocatoria, presentei a solicitude, fixen o curso e, por puntuación, quedei nas primeiras listas e entrei ata hoxe, hai 10 anos. Así puiden criar aos meus fillos tamén.

Como se organizaban as mariscadoras?
Pepa Rodil: Traballabamos dunha forma moi grupal, como dixen antes non había ningún tipo de regulación polo que falabamos entre nós sobre quen ía cada día e quen non, solíamos ser unhas dez mariscadoras por día e estábamos na zona da Torre de San Sadurniño.

E agora, Como se organizan as mariscadoras?
Gloria: Organizámonos pola confraría. Hai unha agrupación de marisqueo a pé que está formada por 6 persoas e elas son as que poñen os días e piden o permiso á Xunta. Marcan os días de traballo, os cupos dependendo de onde vaian traballar e a cantidade de ameixa que haxa.
Despois, a confraría está rexida pola Xunta Xeral, que é a que toma as decisións no conxunto de todos os socio. Pero o marisqueo a pé quen o rexe é a agrupación de mariscadoras, que o hai nesta confraría, mentres que hai outras confrarías que non as teñen. Son as que se encargan de facer os pedidos de ameixa, organizar as limpezas, os días de traballo e todo o correspondente ao marisqueo a pé.
Diferencias antes e despois e ao longo dos anos que levas traballando
Gloria: Supoño que as condicións melloraron hai tempo, porque antes as mariscadoras non tiñan seguro, non se cotizaba. Despois, en canto á xente, diminuíu moito: cando comezamos éramos cen e pico, agora hai 80 ou 90, e traballando unhas 40 ou 50, non hai máis. Respecto das especies, a ameixa xapónica está aí, é unha especie moi forte; pero despois da fina queda moi pouca e a babosa está practicamente desaparecida. A xapónica morreu polo cambio climático e as choivas, pero compramos a semente e sementámola. Tamén sementamos babosa, pero morreu, e a fina non se sementa porque non hai criadeiros.
Encarna: Hai menos de todas as especies, de feito, este ano morreu absolutamente todo o longueirón vello.


Como era un día enteiro de traballo?
Pepa: Os días nos que había traballo eran moi duros. Levántaste moi cedo, ás veces antes de que saíse o sol, e prepáraste para o traballo. Nos ás veces non tiñamos a roupa adecuada para traballar e pasabas frío, pero era o que había. Cando chegas a zona de traballo comezas a traballar coas túas compañeiras ata colleitar o establecido, xa que se te pasabas os mariñeiros ían detrás de ti. Cando podíamos descansábamos para almorzar, non moito tempo e seguíamos traballando ata rematar.
E agora, Como é un día enteiro de traballo?
Gloria: Levantámonos, almorzamos e preparamos a roupa do mar. Alí cambiámonos para poñer o neopreno, as botas e o vadeador.
Encarna: Non todos os días, evidentemente, levas a mesma roupa. Se chove levas roupa de augas e no verán vas de curtos e escarpíns.
Gloria: Preparamos o cesto, collemos os sacos nos que metemos a ameixa e levamos o sacho e os rastrillos, dependendo de onde imos traballar e chegamos alí, Soemos saír media hora antes de casa para chegar á hora que se estipulou a entrada. Temos que ir coa baixamar, normalmente dende 2 horas antes da baixamar ata 2 horas despois, intentando sempre non saír máis tarde das dúas porque a ameixa ás 15:45 ten que estar en Vigo para a subasta. Estamos no mar, falamos, rímonos.
Encarna: Temos estipulados uns quilos de ameixa que poidamos coller. Non podemos coller os que queramos e despois de collelos tes que saír para terra, onde nos espera a furgoneta da confraría cun peneiro e temos que facer un cribado da ameixa. Se son moi pequenas hai que devolvelas ao mar.
Gloria: E despois diso, lavámonos onde podemos, nunha fonte ou nunha ducha, o que haxa por aí. Quitamos a roupa de auga e imos para casa para empezar coas tarefas do fogar, a dobre xornada.

Pepa recorda con gran orgullo e anhelo o momento no que un grupo de persoas pudientes trataron de expropiar as terras da Torre de San Sadurniño, un lugar no que a ameixa crece soa, algo que faría que as mariscadoras cambadesas non puidesen aproveitalo e as súas ganancias fosen moito menores. Fixeron manifestacións de todo tipo, cánticos, gritos e berros ata conseguir que isto non pasase.
Gloria e Encarna concordan en que unha das principais ameazas para o sector son os furtivos, comentan que hai zonas onde os veciños estaban acostumados a baixar a praia e coller o que quixeran e que dende que se regulou algúns adícanse a insultalas e tirarlles pedras. Estas dúas mulleres, xunto con algún mariñeiro, fundaron Amarturmar, unha pequena empresa que xestiona rutas de marisqueo e pesca co ánimo de concienciar á poboación da complexidade e importancia do seu traballo.
As mariscadoras galegas representan unha tradición laboral e cultural que combina esforzo, coñecemento e unha forte vinculación coa natureza. A súa resistencia fronte ás difíciles condicións do mar, a perda de especies e as ameazas externas, así como a súa capacidade de organizarse colectivamente, reflicten non só un medio de vida senón tamén unha defensa do legado e do ecosistema mariño de Galicia.
Este traballo é un testemuño do valor e da identidade das mulleres que sosteñen o mar.