CESTERÍA
A cestería é unha das técnicas humanas máis antigas, baseada no trenzado de fibras vexetais, e aínda que os seus materiais se conservan mal, os restos atopados en distintos puntos do mundo demostran que se practica desde a Prehistoria. En Galicia, o testemuño máis antigo procede do castro de Castro Maior, onde apareceu un cesto da Idade do Ferro que revela tanto a antigüidade da tradición como o profundo coñecemento das plantas necesario para a súa elaboración.
Durante séculos, a cestería formou parte esencial da vida diaria, pero a chegada do plástico e os cambios nos modos de vida provocaron o seu declive e a perda da conexión entre artesáns e consumidores. Hoxe, nun contexto de recuperación dos materiais sostibles e das prácticas tradicionais, volve espertar interese como patrimonio cultural, opción ecolóxica e forma de reforzar o vínculo co territorio e cos recursos locais.
