
Enrique Táboas.
Cesteiro dende a cuna
A cestería de láminas é un dos oficios tradicionais galegos que máis sufriu o impacto da industrialización e da chegada do plástico a finais do século XX. Ata entón, as cestas formaban parte da vida diaria: usábanse no campo, no mar, nos mercados, nas casas e practicamente en calquera actividade que requirise transportar ou gardar algo.
Hoxe, só uns poucos artesáns manteñen viva esta técnica, e entre eles destaca Enrique Taboas, considerado o último cesteiro de láminas de Galicia que conserva unha técnica transmitida de forma directa e continua.








Taller de Enrique Táboas en Sanxenxo
A historia de Enrique comeza na familia. Por parte do pai pertence a unha longa liña de cesteiros. O seu avó, orixinario de Mondariz, tamén procedía de varias xeracións de artesáns: bisavó e tataravó dedicáronse tamén a facer cestas. No seu caso, o oficio non era só unha profesión, senón parte da identidade familiar.
Enrique naceu e medrou literalmente dentro do taller. Os seus pais vivían na Caseta, un pequeno anexo da casa familiar onde traballaban o seu pai e o seu avó. Desde neno estivo rodeado de ferramentas, láminas de madeira e cestas en proceso. Coñece a historia familiar grazas a un libro que escribiu o seu pai, no que recolleu lembranzas e anécdotas transmitidas durante décadas.
Na casa dos Taboas, a rutina estaba marcada polos mercados semanais. O seu avó traballaba sen descanso ata o mércores, día no que vendía as cestas no mercado de Cambados. Semana tras semana repetíase o mesmo proceso: abrir a madeira, preparar as láminas e tecer.

Algunhas das ferramentas de Táboas
Como moitos nenos da época, Enrique comezou a axudar desde moi pequeno. Deixou a escola con 13 anos para dedicarse por completo á cestería. Non se plantexou outro oficio, porque era o que coñecía e o que realmente lle gustaba. Naquel tempo, ocupacións como a de cesteiro, carpinteiro ou ferreiro garantían ingresos e estabilidade.
Aínda que traballou xunto ao seu avó, este evitou ensinarlle directamente para non crear competencia, algo habitual naquela época. Foi o seu pai quen lle transmitiu a técnica. O avó, iso si, ensinoulle algo fundamental: afiar correctamente as ferramentas, imprescindible para non estragalas no proceso.
A chegada do plástico transformou todo. A partir dos anos 80, as cestas deixaron de ser necesarias en case todos os sectores. Onde antes eran imprescindibles —na pesca, na agricultura ou no transporte de alimentos— comezaron a impoñerse materiais industriais.
En sitios como Sanxenxo ou Vigo había tantos cesteiros que mesmo unhas rúas levaban o nome de Rúa dos Cesteiros. Hoxe, Enrique é o único que continúa o oficio na zona de Sanxenxo. Para ver fotos históricas do oficio da cestería en Galicia preme aquí.
Segundo conta, en só unha xeración as cestas desapareceron da vida diaria, e con elas, a memoria do oficio. As persoas menores de 50 anos adoitan descoñecer por completo esta tradición.

Foto propia

Foto propia

Foto propia

Foto propia
O material principal co que traballa Enrique é o castiñeiro: flexible, resistente e con moi pouco desperdicio. Pero hoxe conseguir boa madeira é máis difícil: a expansión do eucalipto está desprazando especies autóctonas e afectando a dispoñibilidade de madeira axeitada para a cestería.
Ademais do castiñeiro, utiliza salgueiro, mimosa, acacia e, ás veces, vimbios que xa non serven para amarrar a viña. Non calquera madeira funciona: debe ser flexible, elástica e resistente.
O seu interese por garantir o futuro do oficio levouno a colaborar co Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Alí estudou máis de 230 variedades de castiñeiro e seleccionou 12 especialmente axeitadas para a cestería, todas plantadas nunha finca propia.
O tempo necesario para facer unha cesta varía segundo o tipo:
-
Cesto de mariscar: 5–6 horas
-
Ferradeira ou cesta grande: 12–15 horas
-
Panera ou cesta pequena: mínimo 3 horas
A isto hai que engadir o tempo de recollida e preparación da madeira. Para Enrique, non é un traballo de forza, senón de técnica e postura: sentarse ben, aliñar as mans e a espalda e traballar con precisión.
Antigamente, cada cesta tiña unha función moi concreta:
-
As patelas eran usadas para escorrer o peixe
-
As ferradeiras servían para transportar produtos do campo
-
As cestas de vimbio utilizábanse para patacas, trigo e outros cultivos






Hoxe moitos destes usos xa non son posibles por cambios laborais ou normativas sanitarias. Aínda así, as cestas atoparon outros espazos: decoración, hostalaría, horta doméstica ou recollida de cogomelos, onde seguen sendo imprescindibles para permitir a dispersión de esporas.
Enrique adoita dicilo con naturalidade:
“O funcional xa non é tan necesario, pero un cesto sempre serve para algo.”
Para el, a cestería tradicional si ten futuro, pero só se se valora como patrimonio cultural. Defende que é necesario diferenciar artesanía tradicional das manualidades: este oficio require transmisión directa, práctica e corrección.
Sen alguén que ensine paso a paso, a técnica desaparece.
A pesar de ter proposto a creación de escolas ou obradoiros, asegura que nunca houbo interese real por parte das administracións. Aínda así, continúa disposto a ensinar. Persoas de toda Galicia e doutras comunidades pasaron polo seu taller. Ás veces xuntáronse ata oito aprendices, compartindo traballo, conversas e comidas, creando comunidade.
Enrique viviu da cestería ata 1981. Despois traballou noutros oficios, pero nunca deixou de facer algunha cesta para a familia ou para regalar. Agora, xa xubilado, continúa por vocación. Ten preto de 200 cestas feitas en distintos momentos da súa vida, cada unha froito de 7 ou 8 horas de dedicación.
Di que nunca pensou en abandonar o oficio e só o faría se a saúde llo impedise. A súa maior satisfacción é rematar unha cesta ben feita e ver que outras persoas valoran ese traballo e teñen interese en aprendelo.
Para Enrique, cada persoa que pregunta, observa ou se interesa polo oficio está contribuíndo a mantelo vivo.
Con el continúa unha técnica centenaria que resiste, humilde pero firme, ao paso do tempo.
"Isto non é só un oficio. Se che gusta e tes vocación, vas ser bo no que fagas"
Fotos históricas da Cestería
As seguintes fotos son tanto do Berbés, un barrio de Vigo no que destacaba a presenza de mariñeiros ou pescadores, xa que se trataba dun lugar moi orientado á pesca, como do municipio de Mondariz, de onde era a familia de Enrique Táboas.
![]() | ![]() | ![]() |
|---|---|---|
![]() | ![]() | ![]() |
![]() | ![]() | ![]() |
![]() |
Rúa dos Cesteiros de Vigo
Nesta rúa chegou a haber ata 8 talleres con máis de 20 traballadores. A cestería máis destacada da cidade estaba ligada á pesca: producíanse cestas de vimbio, cestas de palangre e patelas, ademais de artigos para o uso cotián, como cestos de mercado ou cestones para a roupa sucia.
Hoxe só permanece aberta a cestería Antonio Suárez. O que antes eran negocios familiares dedicados a fabricar e vender cestos transformouse nunha zona de terrazas e bares de tapas.

Antigamente a rúa estaba chea de comercios de cestería como se pode ver na imaxe. Foto de Vigo, ciudad olívica. Fotos antiguas.

Nesta foto pódese ver como está a rúa na actualidade, vacía de cestas. Imaxe propia

Antigamente a rúa estaba chea de comercios de cestería como se pode ver na imaxe. Foto de Vigo, ciudad olívica. Fotos antiguas.









