top of page

Mari Luz

Dende pequena relacionada coas explotacións gandeiras
vacas mariluz entrando.jpg

Os seus inicios no sector e a explotación actual

A explotación de Mari Luz consiste nunha gandaría de leite de carácter extensivo, situada en Soexo (Vilalba), onde actualmente se manteñen arredor de 50 vacas. Destas, 40 están en ordeño e o resto corresponden a novillas en crecemento. O sistema de traballo baséase principalmente no pastoreo, o que permite que os animais se alimenten de forma natural, aproveitando os recursos do entorno rural galego. Esta modalidade de gandaría favorece non só o benestar do gando, senón tamén a sustentabilidade da explotación, mantendo vivos métodos tradicionais de coidado e manexo do gando adaptados ás necesidades contemporáneas da produción leiteira.

A organización da granxa permite un seguimento constante do estado sanitario e produtivo do gando, combinando prácticas tradicionais con elementos modernos cando é necesario, como muxilas mecanicamente e sistemas de control do rendemento das vacas. Esta combinación asegura unha explotación eficiente, sostible e respectuosa co medio, mantendo viva a tradición gandeira en Galicia.

O día a día na explotación gandeira

O día a día de Mari Luz.MP3Mari Luz
00:00 / 00:38

Dende o punto de vista de Mari Luz, na actualidade, "o labor nas explotacións gandeiras é realizado tanto por homes como por mulleres, nun sector que décadas atrás estaba maioritariamente asociado á figura masculina". A evolución social e o relevo xeracional fixeron que hoxe a presenza feminina sexa totalmente habitual, aportando unha visión máis aberta e flexible ao traballo diario nas granxas.

No caso desta explotación, a rutina está marcada polo contacto constante cos animais e pola liberdade de organizar o tempo segundo as necesidades do día. A ausencia dun horario fixo imposto por terceiros permite adaptar as tarefas, adiantándoas ou atrasándoas uns minutos cando é preciso, sempre co compromiso de manter o benestar do gando. Esta autonomía á hora de traballar é un dos aspectos máis valorados, pois permite desenvolver as tarefas ao propio ritmo, sen presións externas e nun entorno que transmite tranquilidade: o medio das vacas, o espazo no que a gandeira se sente máis cómoda e realizada. Este equilibrio entre responsabilidade, liberdade e contacto coa natureza defínea mellor que calquera reloxo. 

O interese da xente nova: entre a modernización e o desánimo polo esforzo diario

IMG-20251125-WA0020.jpg

Mari Luz xunto co seu fillo

Nos últimos anos, o sector gandeiro experimentou unha importante transformación. A formación, o acceso á información e a presenza de tecnoloxías avanzadas —como salas de ordeño automatizadas, robots e maquinaria moderna— son hoxe moito máis accesibles ca décadas atrás. Esta realidade fai que o traballo sexa distinto ao das xeracións anteriores, tanto en métodos como en organización. Tal e como explica a gandeira, “hoxe en día hai moita máis información que cando empecei eu, pero trabállase totalmente diferente porque hai máis maquinaria, salas de ordeño, robots…”.

Porén, esta modernización non se traduce nun maior interese da mocidade polo oficio. A dureza do traballo, a falta de horarios fixos e a necesidade de estar activo os sete días da semana continúan sendo factores determinantes á hora de tomar a decisión de dedicarse á gandaría. A percepción xeral é que o sector segue a ser excesivamente esixente e pouco compatible cun estilo de vida flexible.

No caso da familia de Mari Luz, esta realidade reflíctese especialmente na elección do seu fillo, que optou por estudar e non continuar coa explotación familiar. Algo que ela comprende e acepta, pois, como sinala, “é unha cousa moi suxeita; tes que traballar de luns a domingo continuamente, é moi escravo e a xente non se queda”.​​​

A pesar de contar cunha sala de ordeño capaz de muxir 12 vacas ao mesmo tempo, unha ferramenta que lle permite manter o ritmo da explotación con maior comodidade, a falta de relevo xeracional segue sendo unha das maiores preocupacións no rural galego. A gandaría continúa sendo un oficio esencial, pero cada vez son menos os mozos interesados en asumir un traballo tan absorbente, mesmo nun contexto tecnolóxico máis favorable ca nunca.

Coñece o proceso de muxir as vacas

Economía e sostenibilidade

Mari Luz

Recibe 0.45 euros aproximadamente por litro de leite

Supermercado

Compramos a leite por eproximadamente 0.91 euros o litro

A explotación gandeira en Galicia enfróntase a numerosos retos económicos que condicionan a vida diaria dos seus responsables. Como comenta Mari Luz, “hoxe en día subiu todo moito, tanto os concentrados, piensos, veterinarios, maquinaria… e o leite está nun prezo que case non chega para cubrir todos eses gastos porque logo está o gasoil, a luz, os seguros, e ao final non queda un céntimo”. A diferenza entre os ingresos que se reciben e os custos reais de manter unha explotación fai que moitas veces os gandeiros e gandeiras se vexan en situacións complicadas, xestionando soas tanto o traballo na cuadra como as tarefas da casa. 

As subvencións, aínda que poden axudar, non sempre son suficientes para asegurar a viabilidade económica. Segundo a gandeira, “as subvencións están mellor para mulleres que para homes, porque temos máis puntuacións en certas cousas. Pero aínda así non son suficientes. Antes ao mellor che daban o 50% nunha subvención e agora se che dan o 20 ou 30 xa é moito, entón tes que poñer ti moito diñeiro.”

En conxunto, esta situación evidencia a complexidade do traballo gandeiro, onde a dedicación constante, o coidado dos animais e a xestión económica se entrelazan, facendo que a paixón pola profesión teña que convivir coa realidade financeira do sector.

Mari Luz Pena

“No meu caso, me encontro como quen di moi sola. Penso que é unha cousa moi sujeta e moi escrava e a xente non se queda"
bottom of page